O CONCELLO CONVOCA O I CONCURSO DE MICRORRELATOS ARRÓS CON MOTIVO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS
A concellería de Cultura e Educación do Concello de Ortigueira quere festexar o Día das Letras Galegas, dedicado a Xela Arias, co I Concurso de Microrrelatos Arrós, unha iniciativa dirixida a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 7 e os 18 anos. Haberá dúas categorías: de 7 a 12 e de 13 a 18 anos, e os gañadores ou gañadoras recibirán un vale de 50 euros para material didáctico, escolar ou educativo.
O tema é libre, aínda que se establece que é preferible que estea relacionado coas Letras Galegas, en xeral, ou Xela Arias en particular. O prazo de envío de traballos remata o vindeiro día 30 de abril.
O microrrelato terá que estar escrito en galego, cun máximo de 300 palabras. As bases pódense consultar polo miúdo na sede electrónica do Concello.
Os premios entregaranse o día 16 de maio nun acto que incluirá outras actividades culturais e musicais e que se celebrará no Teatro de Beneficencia.