Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO CONSIGUE A ACREDITACIÓN PARA IMPARTIR UN CURSO DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA A PERSOAS DEPENDENTES EN INSTITUCIÓNS SOCIAIS

O Concello de Ortigueira acaba de conseguir da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta que se acredite ao centro de formación do polígono de A Rega, situado na parroquia de Cuíña, para impartir un curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais para un total de 15 alumnos e alumnas.

A acreditación prodúcese á vista da documentación aportada polo Concello e despois dunha inspección técnica por parte de persoal da Xefatura Territorial de A Coruña, que determina que as instalacións de aula e obradoiro propostas para impartir o devandito curso cumpren coas condicións esixidas.

Proximamente procederase á convocatoria desta actividade formativa, que vén a sumarse á de “Dinamización comunitaria”, para a que xa se concedera no seu día a oportuna acreditación.

O proceso para impartir en Ortigueira estes cursos comezou no ano 2017, primeiro coa homologación do centro situado no polígono de Cuíña, e a continuación coa acreditación da primeira especialidade. Desde a institución municipal seguirase traballando para detectar sectores de emprego na zona que necesiten unha formación especializada e así poder acreditar todas cantas iniciativas formativas veñan cubrir esta demanda.

O alcalde, Juan Penabad Muras, aposta por mellorar a cualificación dos desempregados para que adquiran as competencias municipais que lles permitan conseguir un posto de traballo.

Back to top