Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello celebra a VII edición das “Xanelas do Nadal”

O Concello de Ortigueira continúa outro ano máis coa celebración da actividade “Xanelas do Nadal”, que pretende fomentar a relación entre a veciñanza os días previos ás celebracións navideñas.

A actividade consiste en que as persoas interesadas deben decorar e iluminar unha fiestra da súa casa e “inaugurala” o día que lles corresponda. A inauguración consiste nunha invitación xeral a todos aqueles que se queiran achegar a compartir unha bebida e algo de picar -na medida das posibilidades de cada un-. Tamén poden participar asociacións, colectivos, comerciantes e comunidades de veciños.

As ventás iranse iluminando por números ata completar unha especie de “calendario de advento” dende o 1 de decembro ata Noiteboa.

Para inscribirse e ser anfitrión, as persoas interesadas teñen que chamar á oficina de turismo (981 422 089) ou ao Concello (981 400 000) de luns a venres, e preguntar por Cristina. O prazo para inscribirse finaliza o xoves 30 de novembro. Dende o Concello de Ortigueira anímase a toda a veciñanza do municipio a compartir e dar luz e cor á entrada do Nadal.

Como en anos anteriores, lémbrase que esta actividade é un proxecto veciñal sen carácter relixioso e que pode participar calquera persoa, independentemente das súas crenzas.

Back to top