Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO AXUDA AOS GANDEIROS ORTEGANOS A OBTER AS AXUDAS DA PAC CEDENDO O USO DE PARCELAS MUNICIPAIS COMO PASTO PARA O GANDO

Os gandeiros e agricultores de Ortigueira están entre os principais beneficiarios das axudas da Política Agraria Común e o Concello achega tamén a súa colaboración para que os propietarios poidan presentar as súas solicitudes para optar a estas subvencións.

Así, segundo os datos facilitados pola institución municipal, o Concello ten cedidas 34 hectáreas de superficie da súa propiedade para o seu aproveitamento como pastos para o gando. Son parcelas que non teñen outro uso e que están reservadas para este fin, de xeito que os beneficiarios -na actualidade oito propietarios- poidan contabilizalos como superficie dispoñible para os seus animais á hora de optar a estas axudas.

Ortigueira foi o municipio que obtivo máis subvencións PAC para explotacións de toda a comarca na última convocatoria -a de 2018- cun total de 714.675 euros repartidos entre 123 beneficiarios. Os pequenos agricultores orteganos recibiron, pola súa banda, 135.703 euros para un total de 56 solicitantes.

Back to top