O CONCELLO ABRE O LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O CURSO DE INICIACIÓN AO SURF
A Concellería de Deportes organiza unha nova edición do curso de iniciación ao surf, en colaboración coa empresa ortegana Ortegal Surf Escola, que este ano celebrarase desde o 22 de xuño ata o 19 de xullo.
Este ano o concello programa 3 cursos. O curso para adultos celebrarase o derradeiro fin de semana de xuño e os tres primeiros fins de semana de xullo, terá un coste de 20 euros, e contará con 9 prazas. Por outra banda, os cursos para nenos e nenas entre 10 e 17 anos e cun prezo de 12 euros terán lugar en dúas quendas de 5 días cada unha (a primeira do 22 ao 26 de xuño, e a segunda do 29 de xuño ao 3 de xullo).
Para poder participar nestes cursos haberá que estar empadroado no Concello de Ortigueira e saber nadar.
O prazo de inscrición iniciarase este próximo luns 15 de xuño, e debe facerse telefónicamente chamando á Piscina Municipal de 10.00 a 12.00 horas (teléfono 981 422 026). As inscricións pecharanse o día 24 de xuño para o curso de adultos, e o 18 e o 25 para a primeira e segunda quenda respectivamente dos cursos de menores. No caso de producirse máis solicitudes de inscrición que prazas dispoñibles, farase un sorteo para a asignación das prazas.
A empresa Ortegal Surf Escola, formada por profesores titulados, facilita traxes de neopreno e táboas de surf a todos os alumnos e alumnas do curso .
Desde a concellería, Angel Lozano animou á veciñanza a participar nesta nova edición do curso de iniciación ao surf e mostrou a a súa satisfacción por que “pouco a pouco poidan retomarse as actividades deportivas municipais, e máis coma esta, que realízase ao aire libre”. Así mesmo, sinalou que os participantes poden estar tranquilos posto que desde a organización manteranse todas as medidas de seguridade e hixiene. Lozano agradeceu o esforzo na organización desta edición de 2020, na que tanto o concello como a empresa traballan “tendo coma principal obxectivo a seguridade de participantes, persoal e empresa colaboradora”.