O centro social de Ortigueira, sede para o emprendemento
- AJE Ferrolterra e o Concello levaron a cabo esta mañá unha sesión gratuíta de networking á que asistiron unha trintena de empresas de Ferrolterra, Eume e Ortegal
- O edil de Promoción Económica e Emprego, Juan Cao, destacou a capacidade desta iniciativa “para crear novas posibilidade de negocio” e o impulso que estas supoñen para “a economía do noso municipio”
O centro social de Ortigueira foi esta mañá punto de encontro para 30 empresas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Na xornada de networking organizada por AJE Ferrolterra coa colaboración do Concello, as persoas emprendedoras puideron compartir a súa experiencia e inquietudes.
Á inauguración da sesión asistiron o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Juan Cao, e a xerente de AJE Ferrolterra, Laura Pérez, así como membros da xunta directiva da entidade. Na súa intervención, o edil Juan Cao destacou “a capacidade destas iniciativas para poñer en común os desafíos e retos do mundo empresarial, así como para crear novas posibilidades de negocio entre as persoas participantes”. Cao agradeceu a AJE Ferrolterra “que pensase en Ortigueira como encontro para esta sesión de networking, moi importante tamén para impulsar a economía do noso municipio”.
A través desta iniciativa gratuíta, ambas as entidades buscaron ampliar a rede de contactos dos empresarios e empresarias participantes, aumentando deste xeito as súas oportunidades de negocio e, á súa vez, a posibilidade de crear novas sinerxias.
No encontro dispuxéronse varias mesas redondas nas que cada empresario e empresaria contou con dous minutos para presentar o seu negocio. Fixérono rotando polas diferentes mesas para contactar con todas as persoas.