O Centro de Saúde de Ortigueira supera xa as 3.000 radiografías realizadas desde a posta en marcha da nova sala de raios, evitando desprazamentos a Ferrol
O Servizo Galego de Saúde realizou xa 3.000 radiografías no centro de saúde de Ortigueira desde a posta en marcha dunha nova sala de raios en agosto de 2024, evitándolle aos pacientes ter que realizar estas probas en Ferrol.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, xunto a edil de Sanidade, Ana Cartelle, mantivo esta mañá en Ferrol unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da xerente da área sanitaria, Fernanda López Crecente, na que abordaron diferentes cuestións relacionadas coa asistencia sanitaria neste municipio.
Nos dez primeiros meses de funcionamento da sala de raios foron realizadas unha media de case 300 radiografías ao mes. No que vai de xuño, o servizo de Ortigueira suma 146 probas radiolóxicas.
A Xunta investiu preto de 100.000 euros no equipamento radiolóxico do centro de saúde da comarca do Ortegal, que responde ao seu compromiso de fortalecer a atención primaria, aumentando a súa capacidade de resolución e mellorando o confort de pacientes e profesionais.
No encontro de traballo, que se celebrou no Hospital Arquitecto Marcide, o alcalde formulou solicitudes relacionadas co reforzo da atención domiciliaria e do transporte sanitario na comarca, así como da creación dun servizo de atención ao solo pelviano no centro de saúde de Ortigueira, comprometéndose o conselleiro a analizar a viabilidade.