Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CENTRO DE INFORMACIÓN Á MULLER DE ORTIGUEIRA ATENDEU 475 CONSULTAS NO 2020, A MAIORÍA DE ATENCIÓN PSICOLÓXICA E DE ASESORAMENTO XURÍDICO E ÁS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

O Centro de Información á Muller de Ortigueira acaba de presentar a súa memoria anual correspondente ao 2020, na que reflicte a importancia da actividade que desenvolve tanto desde o punto de vista asistencial como de organización de actividades.

Durante o pasado ano, o CIM atendeu un total de 475 consultas de todo tipo, con especial importancia das referidas a atención psicolóxica, seguidas do asesoramento xurídico e as relacionadas coa violencia de xénero. As dúas traballadoras do centro informaron tamén ás persoas que acudiron ao mesmo sobre recursos de todo tipo, xornadas, actividades e cursos e ofreceron igualmente orientación en materia de emprego e outras consultas.

Cabe destacar que no CIM de Ortigueira -que comezou a funcionar no ano 2005 e está cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade- centralízase a atención non só á poboación deste municipio, senón que os seus servizos de asesoramento xurídico e no ámbito psicolóxico préstanse tamén aos concellos veciños de Cariño, Cedeira, Cerdido e Mañón, polo que o seu radio de acción ten carácter comarcal.

En canto ás actividades organizadas o pasado ano, a memoria recolle que un 65% estiveron dirixidas a colectivos específicos -mulleres, comunidade educativa, vítimas de violencia de xénero ou pais e nais, entre outros-, mentres que o 35% restante foron abertas ao público en xeral. Entre o amplo abano de iniciativas destacan as moitas organizadas para conmemorar o Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, que incluíron charlas educativas, cursos, sesións de contacontos, obradoiros, exposicións e actividades festivas. Igualmente se organizaron as edicións vacacionais do programa de conciliación familiar “Sen cole no cole” e outras actividades pensadas para os nenos e nenas, como a campaña en favor da igualdade nos xoguetes. Talleres para facilitar o emprego a través das TIC, obradoiros de autocoidado así como conmemoracións de datas como o Día da Diversidade Sexual ou o dedicado ás Mulleres Rurais, foron outras propostas desenvolvidas ao longo do 2020.

O CIM presta servizo de luns a venres de 8 da mañá a 3 da tarde e asesoramento psicolóxico no mesmo horario. As consultas xurídicas realízanse tamén de luns a venres pero desde as 8 da mañá ás 2 da tarde.

Para realizar o seu labor, as traballadoras do Centro de Información á Muller manteñen contacto permanente con medio cento de entidades de todo tipo, tanto de carácter educativo ou de tipo social como outras do ámbito formativo ou da seguridade, entre outros eidos.

Na seguinte ligazón podese descargar o documento da memoria de 2020:

VER PDF Memoria de actividades CIM 2020

Back to top