Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O cemiterio de Ortigueira, entre os mellores de España

O cemiterio municipal de Santa Marta de Ortigueira, coñecido como ‘cemiterio novo’, está entre os mellores de España en canto ao seu valor artístico, patrimonial e turístico. Así o recoñece Funespaña, unha empresa nacional de servizos ao falecemento e editora de revísta Adiós Cultural, que incluíu ao camposanto ortigueirés entre os 24 preseleccionados do VII Concurso de Cementerios.

Deste xeito, o cemiterio de Ortigueira competirá contra outros de Alacante, Barcelona, Córdoba, Ciudad Real, Xaén ou Tarragona por ser un dos finalistas nalgunha das categorías establecidas nas bases do certame. O VII Concurso de Cementerios premiará ao ‘Mellor Cemiterio’, á ‘Mellor Iniciativa Ambiental’, ao ‘Mellor Monumento’ e ao ‘Cemiterio con Mellor Actividade Pública’.

Estes galardóns entregaranse nunha gala celebrada en febreiro do 2024 á que accederán con posibilidades de premio os camposantos que obteñan máis apoio na votación popular. Dita votación popular xa está aberta e permanecerá activa ata o 31 de outubro na ligazón: https://www.revistaadios.es/edicion/8/Concurso-de-Cemiterios-de-Espana-2022.html

Unha vez o público elixa aos seus favoritos, un xurado conformado por profesionais do sector funerario e por especialistas en arte, arquitectura, historia e medioambiente elixirán de entre eles aos gañadores de cada categoría, que se coñecerán na citada gala.

O Concello de Ortigueira anima a todos os seus veciños e veciñas, así como ao resto de habitantes da comarca, da provincia e da comunidade galega a participar na votación para impulsar ao seu camposanto como un dos seleccionados para a gran final. Desde o goberno local enténdese o enorme valor histórico-patrimonial do cemiterio desenvolvido a finais do século XIX e, por iso, tratarase de potenciar como un recurso turístico. Un exemplo é a visita guiada prevista para o sábado 28 de outubro, dentro da programación do Samaín. O historiador Suso Martínez será o guía do paseo, cuxa inscrición se pode realizar no teléfono 981422089.

Back to top