O banco de Loiba será un dos mellores puntos de Europa para contemplar o eclipse solar total do 12 de agosto
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, estivo presente hoxe en FITUR para promocionar o banco de Loiba, coñecido como “O banco máis bonito do mundo” como un dos mellores lugares de toda Europa para apreciar a gran eclipse solar que se producirá o 12 de agosto de 2026.
Neste fabuloso enclave, situado sobre uns escarpados e altísimos cantís na costa do Ortegal, poderase vivir unha experiencia máxica para ver o ceo escurecerse sobre o Cantábrico durante uns 76 segundos a partir das 20:28 horas.
Ademais, o rexedor ortegano reuniuse co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e co físico, investigador e divulgador científico Jorge Mira, para profundar na cuestión da eclipse e na posición privilexiada coa que contará non só o banco de Loiba, senón todo o concello de Ortigueira, para apreciar no seu máximo esplendor un acontecemento astronómico único.
Calvín aproveitou a súa visita á maior feira turística que se celebra en España para promocionar todos os atractivos que o municipio ofrece aos miles de visitantes que se achegan a coñecelo cada ano.