O alumnado do obradoiro “Terras do Ortegal II” inicia as prácticas na residencia de maiores Dolores Díaz Dávila
O alumnado do obradoiro de emprego “Terras do Ortegal II” visitou durante esta mañá a residencia de maiores Dolores Díaz Dávila de Ortigueira, centro no que dentro dunhas semanas comezarán unhas prácticas profesionais que reforzarán e completarán a súa formación.
Esta fase de prácticas levará a cabo tanto na residencia de maiores da localidade como no Servizo de Axuda no Fogar, sendo unha gran oportunidade para aplicar os coñecementos adquiridos durante a formación teórico-práctica e para coñecer o traballo de campo nunha especialidade tan demandada no ámbito laboral.
A esta visita acudiron en compañía do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín Fondevila, que tras a visita destacou: “É unha gran noticia para Ortigueira poder contar cunha formación especializada, que se complementa con prácticas no ámbito local. Desta forma ofrecemos unha preparación sólida mentres se mellora a atención que brindamos ás persoas maiores no noso municipio.”
Esta formación vai acompañada da complementaria do Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais e Manipulador de alimentos, o que achega un valor engadido ao seu currículo e prepáraos para estar en mellores condicións para a súa inserción no mercado laboral, tanto en institucións como en domicilios.
Este curso dual de emprego ofrece a oportunidade a 20 veciños dos concellos de Ortigueira, Cariño, Cerdido e Mañón de poder formarse e obter o certificado de profesionalidade nunha especialidade tan demandada no ámbito laboral.