O ALUMNADO DO IES DE ORTIGUEIRA PARTICIPARÁ NO PROGRAMA ZERO ADICCIÓNS
O Centro de Información á Muller de Ortigueira levará a cabo os vindeiros días 5 e 6 de novembro, en colaboración coa Deputación Provincial, o programa Zero Adiccións para o alumnado do IES da localidade. Estudantes de primeiro e segundo cursos da ESO participarán nas citadas datas no obradoiro “Eu paso das drogas”, e o día 6, no tempo de recreo, colocarase unha mesa informativa para facer chegar os contidos ao resto do alumnado.
Os obxectivos específicos que se buscan coa iniciativa son identificar as posibles adiccións; fomentar o uso das TIC e das redes; identificar condutas de risco; axudar na adopción de condutas alternativas; facilitar ferramentas para previr, tratar e identificar este tipo de condutas tanto ás familias como á comunidade educativa e poñer a disposición dos participantes e da poboación en xeral recursos de información relacionados con esta temática.