Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE PIDE REDUCIR AO MÁXIMO O CONTACTO SOCIAL DIANTE DO AUMENTO DE CASOS DE COVID-19 EN ORTIGUEIRA

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, pide unha vez máis a colaboración da veciñanza diante do incremento de casos de Covid-19 no concello. Estes debuxan unha curva ascendente que fai pensar que seguramente este luns chegarán a 30, e a medio centenar se se suman os que se rexistren en Mañón e Cariño. Por este motivo, o centro de saúde de Ortigueira recorre ao Concello para que se inste á cidadanía a tomar todas as precaucións necesarias.

A experiencia de momentos anteriores da pandemia leva a Muras a preferir non esperar a que a Consellería de Sanidade dite medidas especiais para Ortigueira, xa que considera que o comportamento exemplar que xa tiveron os veciños e veciñas noutras ocasións pode manter a situación baixo un relativo control. Por este motivo, fai un chamamento a quedar na casa para evitar que continúen os contaxios e, nos casos nos que sexa imprescindible saír, facelo sempre con máscara de protección. “É unha recomendación, porque só a Consellería de Sanidade pode obrigar, pero coa experiencia de situacións anteriores vemos que é o mellor que se pode facer: reducir ao máximo os contactos nos próximos días”, anuncia.

O alcalde insiste en que aquelas persoas que teñan síntomas ou saiban que estiveron en contacto directo con algún positivo deben permanecer confinadas nos seus domicilios e, se é posible, illados do resto de convivintes. É duro, comenta, pero o obxectivo é que nun prazo de 15 ou 20 días a situación poida estar normalizada e non sexa necesario tomar medidas contundentes. Neste sentido, lembra que o contacto cun positivo implica 10 días de corentena e que esta pode ser unha situación especialmente difícil para aquelas persoas que teñen negocios e non contan con outro persoal para atendelos.

“É como se fósemos nun barco e estivésemos a punto de entrar nunha zona de tormenta na que hai que saber navegar, pero nós xa temos experiencia, e a tripulación -que é a veciñanza- sabe comportarse e seguir as instrucións”, comparou o alcalde, que engadiu que o aumento de casos está directamente relacionado cos encontros familiares das festas de Nadal.

Muras lembra igualmente que o Concello dispón de material de protección para aquelas persoas que o necesiten e, se é preciso, comprará o que faga falta para que ninguén quede sen cumprir estas recomendacións porque non poida facelo.

Back to top