Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE PIDE AOS BANCOS DE ORTIGUEIRA MELLORAS NA ATENCIÓN AOS CLIENTES PARA EVITAR AGLOMERACIÓNS DIANTE DAS ENTIDADES

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, acaba de enviar cartas ás entidades bancarias do municipio para pedirlles que fagan o posible por revisar os protocolos de actuación durante a crise sanitaria, de forma que se lles faciliten as xestións aos clientes sen causarlles problemas pero evitando que se formen aglomeracións diante das sucursais.

A petición vén dada polos informes da Policía Local no sentido de que é precisamente diante dos bancos onde se rexistran os maiores problemas para respectar as normas de seguridade e evitar o contaxio do Covid-19, porque no interior das sucursais só se atende a un usuario cada vez. Consciente de que Ortigueira ten un elevado índice de poboación maior de 60 anos e moitas persoas que non disponen de tarxeta nin están familiarizadas coas novas tecnoloxías e viven soas, Penabad Muras solicita que se adopten as seguintes medidas:

  • Facilitar que os clientes poidan solicitar por teléfono calquera información que necesiten relacionada coa declaración do IRPF, o saldo das súas contas, etc. e que esta lle sexa enviada por correo postal aos seus domicilios.
  • Permitir a retirada de cartos en efectivo sen importe mínimo, xa que hai persoas que non contan con tarxeta bancaria ou non poden retirar o mínimo que se fixa para facelo no banco, o que lles provoca situación de angustia.
  • En determinadas datas, como os días de cobro dalgunhas prestacións, incrementar o horario de atención ao público e o persoal para atendelo de xeito que poidan estar varios clientes á vez no interior da sucursal mantendo a distancia mínima de seguridade.

O alcalde di na carta enviada aos bancos que é coñecedor de que se estableceron protocolos para que os clientes teñan que acudir ás oficinas o menos posible, pero engade que os partes da Policía Local – que é a que ten encomendadas as tarefas de control e seguemento do confinamento, demostran que non están a dar os resultados apetecidos, ben por descoñecemento dos usuarios ou porque por diferentes circunstancias non saben ou non poden utilizar outros medios para realizar as súas xestións.

As colas que se producen na entrada dos bancos, sen respectar as distancias mínimas de seguridade, son un problema importante e, como explica o alcalde no escrito dirixido ás entidades bancarias, é un desprazamento que está permitido durante o confinamento, polo que demanda que se adopten as medidas necesarias para corrixir estas situacións.

Back to top