Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE AGRADECE O LABOR DE TODO O OPERATIVO QUE PARTICIPOU NO RESCATE DUNS SENDEIRISTAS DESORIENTADOS NO RÍO MERA

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, fixo público o seu agradecemento a cantas persoas participaron o pasado sábado no dispositivo de busca para atopar a uns mozos que realizaban a ruta de sendeirismo do río Mera e acabaron por desorientarse.

Dúas patrullas da Garda Civil e o GES de Ortigueira ocupáronse do operativo, contando coa colaboración de Pedro Casal Lamigueiro e o seu fillo Carlos, veciños da parroquia de Mera, aos que chamou por teléfono e foi recoller persoalmente o alcalde e que se implicaron nas tarefas como coñecedores do contorno do río, un lugar cunha vexetación densa no que resulta complicado desenvolverse, sobre todo cando xa non hai luz. Muras acompañou tamén aos rescatadores nunha busca que comezou ao caer a tarde, cando os mozos viron que anoitecía e tiñan dificultades para atopar o camiño de volta, aínda que xa adiantaron que se encontraban en boas condicións.

O operativo peiteou unha zona duns tres quilómetros antes de que unha das patrullas da Garda Civil conseguira localizalos e poñelos definitivamente a salvo, arredor das catro da mañá.

Muras destacou o excelente comportamiento de todos os implicados e tamén das familias dos sendeiristas e felicitouse de que ao final todo quedara nun susto.

Back to top