Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE AGRADECE A COLABORACIÓN DA VECIÑANZA PARA DEVOLVER A ORTIGUEIRA AO NIVEL VERDE DA PANDEMIA

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, expresou a súa satisfacción pola suspensión das restricións específicas que pesaban sobre a localidade debido á especial incidencia da Covid-19 nas semanas pasadas, unha vez que se conseguiu diminuír o número de casos ata deixar ao municipio en nivel verde. Muras considerou que é unha importantísima e moi boa noticia que xa lle foi confirmada polo Sergas, aínda que será oficial ao longo do día coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A situación foi mellorando paulatinamente desde que a principios de mes a Consellería de Sanidade adoptase medidas específicas polos máis de 20 casos rexistrados en Ortigueira, e agora a Xerencia da Área Sanitaria traslada ao alcalde o agradecemento pola súa colaboración. Desde o principio, Muras comunicou á veciñanza a gravidade da situación e insistiu na importancia de cumprir coas medidas establecidas. Aquelas recomendacións, nas que veu incidindo ao longo destas semanas, foron dando os seus froitos e por iso o rexedor quere facer estensivo o agradecemento recibido a todos os veciños e veciñas,

“Cumprimos coa nosa obriga, sen a vosa axuda non seríamos capaces de parar o contaxio”, destaca, ao tempo que alaba o comportamento da poboación.

A partir de este momento o esforzo debe centrarse en manter a situación -“que era moi preocupante”, lembra o alcalde- baixo control, polo que “debemos ser moi prudentes”. Por este motivo, insiste na necesidade de continuar cumprindo coas restricións xenéricas que afectan a toda Galicia.

Back to top