MAÑÁ GRÁVASE O DOCUMENTAL “O RURAL DE TODAS”, NO QUE PARTICIPARON UN GRUPO DE NENOS E NENAS E DÚAS MULLERES DE ORTIGUEIRA
Durante o día de mañá e durante toda a xornada desde as 11.30 horas levarase a cabo a gravación do traballo final do obradoiro audiovisual “O Rural de Todas”, no que participaron nenos e nenas menores a partir de 10 anos do municipio de Ortigueira -xunto cos doutros catro concellos da provincia- así como mulleres destas localidades contando as súas experiencias.
A iniciativa foi promovida pola Área de Igualdade da Deputación Provincial e ten como obxectivo dar unha maior visibilidade ao traballo das mulleres do rural a través deste documental. Nel quedarán plasmadas as historias e vivencias que proporcionarán unha visión sobre a importancia do papel das mulleres na sociedade, centrado neste caso nas áreas rurais.
Nesta actividade interxeracional foron os rapaces e rapazas os que reuniron, a través de entrevistas, os testemuños de dúas mulleres de Ortigueira.
O documental -co conxunto do traballo desenvolvido en todos os concellos participantes- será presentado públicamente pola Deputación a partir do mes de setembro.