Luz verde do pleno á participación no POS+ Social da Deputación
O pleno do Concello de Ortigueira celebrou onte, venres 9 de xaneiro, unha sesión extraordinaria na que deu luz verde, por unanimidade, á adhesión do Concello no POS+ Adicional 2026 para gastos sociais extraordinarios. Desta forma, Ortigueira recibirá este ano por parte da Deputación 136.604,87 euros, que se destinarán a cubrir gastos derivados da xestión e prestación dos servizos sociais, unha das principais bandeiras das políticas municipais.
Desde o goberno local destacan que “esta achega, como cada ano, permitiranos seguir prestando determinados servizos que nós cremos que son fundamentais para Ortigueira e as persoas que máis necesitan a nosa axuda”. Afirman que “ademais, tamén se utilizará parte dese diñeiro para prestar atención ás axudas técnicas das auxiliares para mellorar as súas condicións de traballo, unha proposta que nos trasladou o colectivo e que desde o grupo de goberno corresponderemos”.
Ademais, no pleno tamén saíu adiante a ocupación de montes propiedade do Concello para o desenvolvemento do proxecto do parque eólico Coriscada, promovido pola empresa SEMOSA.