Éxito de participación na xornada formativa para profesionais que traballan con persoas en situación vulnerable organizada polo Concello e a Deputación
- O taller esgotou as 15 prazas dispoñibles, quedando profesionais en lista de espera.
- Nel participaron persoal de Servizos Sociais, de Centros de Información á Muller e profesionais do ámbito sociosanitario.
Éxito da xornada formativa dirixida a profesionais que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade celebrada esta mañá en Ortigueira, que esgotou as 15 prazas dispoñibles, quedando profesionais en lista de espera.
Na sesión baixo o título “Desgaste por empatía”, tratáronse temáticas como as causas do burnout no traballo, as posibles alteracións emocionais dos e das profesionais deste campo, a identificación das chaves do coidado e o autocuidado e tamén se reflexionou sobre como construír a “distancia terapéutica”.
Á actividade organizada polo Concello de Ortigueira e a Deputación da Coruña foi presentada polo alcalde do municipio, Juan Penabad Muras, e a deputada de Igualdade, María Muíño, e clausurada pola concelleira de Igualdade, María Lamelas. Muras agradeceu a Muíño “a colaboración provincial para poder desenvolver no Concello unha iniciativa coma esta dixirida a persoal de Servizos Sociais, de Centros de Información á Muller e profesionais do eido sociosanitario de Ortigueira e doutros municipios da contorna”.
Lamelas sinalou que este tipo de encontros “ constrúen espazos para compartir, dialogar e reflexionar moi útiles para as e os profesionais do ámbito, que pola alta demanda rexistrada demostran que son de enorme interese”.
A actividade enmárcase no programa do Consistorio para conmemorar o Día da Muller, 8 de marzo. A iniciativa xurdiu despois da reunión mantida entre todos os departamentos de Servizos Sociais da comarca. Esta dirixiuse a persoal técnico de Servizos Sociais, dos Centros de Información á Muller (CIM) e persoal sociosanitario. As relatoras foron Lola Ferreiro Díaz, catedrática de procesos sanitarios, e Gema Zunzunegui Lamas, psicóloga, ambas profesionais da saúde con perspectiva de xénero.