CURSO SOBRE MOBILIZACIÓN E COIDADOS DE PERSOAS DEPENDENTES EN ORTIGUEIRA
O Centro de Participación Social San Roque acollerá o vindeiro día 25 de marzo un curso sobre mobilización e coidados de persoas dependentes, que se desenvolverá en horario de 16.30 a 20.30 e que organiza o CIM de Ortigueira en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns e a Axencia de Coñecemento en Saúde do Sergas.
Os seus obxectivos son axudar aos coidadores a adquirir habilidades para os cambios de postura da persoa da que se ocupan e crear un foro onde poidan intercambiar experiencias con profesionais da saúde.
O programa do curso -que está dirixido a pacientes, familiares, coidadores e cidadanía en xeral- inclúe nocións sobre as técnicas de mobilización das persoas con problemas deste tipo e prevención de caídas, así como as principais medidas de hixiene postural para posicións estáticas e situacións dinámicas. A axuda á deambulación, o paso dunha posición sentada a outra ergueita ou dunha silla a un sillón e viceversa, así como a mobilización de persoas encamadas son algúns dos contidos que se explicarán nesta actividade formativa.
As persoas interesadas en participar teñen que se inscribir no CIM ou na plataforma da Escola Galega de Saúde para Cidadáns.