Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

“COUSAS DE MULLERES”, NOVA INICIATIVA EN ORTIGUEIRA PARA REFLEXIONAR E FALAR SOBRE TEMAS QUE AFECTAN ÁS VECIÑAS POLO FEITO DE SEREN MULLERES

O Centro de Información á Muller de Ortigueira informa dun novo programa, “Cousas de mulleres”, que se configura como un lugar de encontro onde reflexionar e falar de temas que afectan ás veciñas do municipio. Desenvolverase do 26 de agosto ao 1 de setembro no Centro Social de Ortigueira, en horario de 10.30 a 12.30.

Nesta actividade, subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade e o programa operativo FSE Galicia 2014/2020 e na que se levarán a cabo conversas con perspectiva de xénero, debaterase sobre as moitas situacións persoais que se viven polo só feito de ser muller utilizando recursos como vídeos ou lecturas.

Outro dos obxectivos do programa é potenciar a sororidade, é dicir, a solidariedade entre mulleres para resolver os problemas que lles afectan partindo da complicidade e a través do apoio mutuo.

Pola actual situación sanitaria é necesario realizar a preinscrición para participar. A tramitación deberá facerse a través do teléfono 981 402 542 antes do día 26 de agosto.

Back to top