CONCENTRACIÓN E EMOTIVO MINUTO DE SILENCIO NA PRAZA DE ISABEL II POLO VECIÑO DE ORTIGUEIRA FALECIDO NUN ACTO VIOLENTO
O Concello de Ortigueira convocou hoxe ao mediodía aos veciños e veciñas a gardar un minuto de silencio pola morte de Cristóbal Doce Ríos, que perdeu a vida nun acto violento. A praza de Isabel II encheouse de xente e entre os asistentes estaban o pai e un tío do falecido, xunto con outros familiares e amigos, así como o goberno local, membros da corporación, traballadores municipais e veciños e veciñas. Foi un acto especialmente emotivo e triste, no que o alcalde, Juan Penabad Muras, transmitiu o pésame á familia e achegados.
“Queremos expresar a máis enérxica condena ante calquera tipo de violencia”, dixo o alcalde, ao tempo que engadiu que é necesaria “tolerancia cero ante estes actos que nos enchen de dor e tristura”. A súa intervención concluíu destacando que “ao mesmo tempo debemos ser fortes, mostrar respecto e deixar que a xustiza actúe”. A continuación gardouse o minuto de silencio.
O rexedor municipal decretou o día de hoxe como de loito oficial en Ortigueira polo suceso.