COMEZAN AS OBRAS DE MELLORA DO ACCESO AO SALÓN DE PLENOS DE ORTIGUEIRA, CUN INVESTIMENTO PRÓXIMO AOS 75.000 EUROS
A empresa Calicanto Obras y Proyectos S.L. comezou as obras de mellora de acceso ao salón de plenos e ao edificio do Concello, un proxecto que o goberno incluíu no POS 2019 da Deputación e que supón un investimento de 74.923,44 euros.
A intervención ten por obxecto solucionar os problemas de accesibilidade, modificando o ascensor que na actualidade unicamente comunica a planta baixa e o nivel inferior do primeiro piso e permitindo que chegue ata o nivel superior deste primeiro andar, onde está situado o salón de plenos. Na actualidade só se pode chegar a el despois de subir 11 chanzos.
O proxecto encargado polo Concello contempla un cambio de cabina no ascensor, instalando unha similar pero de doble embarque a 90 graos. Deste xeito, na planta baixa consérvase o acceso actual e engádese outro posicionado na parte da entrada, cunha visión directa. Os usuarios que queiran ir ao nivel inferior do primeiro piso continuarán usando o acceso actual, mentres que para acceder ao nivel superior utilizarse o novo embarque a 90 graos. Quen utilice cadeira de rodas non terá que xirar dentro da cabina, senón que elixirá o acceso en función do destino.
As obras virán facilitar tamén o uso xeral do ascensor, xa que na actualidade o acceso non é visible desde a entrada e o percorrido para chegar a el non é tampouco intuitivo, co inconvinte engadido de que o persoal municipal non pode indicar como acceder sen desprazarse. Agora, xunto á mellor accesibilidade, permitirase tamén un control visual por parte do persoal.
No proxecto contémplase ademais a instalación dun cortaventos cunha segunda porta automática na entrada ao edificio, que se situará detrás da actual -de doble folla e apertura automática- reducindo así o elevado gasto enerxético que supón o sistema de acceso.
As instalación municipais de Ortigueira están situadas no conxunto conventual, unha construción de estilo barroco que data do ano 1776 e que foi cedida ao Concello. Alberga tamén o Teatro de Beneficencia e salas expositivas. Trátase dun dos edificios públicos de uso máis frecuente e continuado, ademais de ser un emblema da vila de Ortigueira e un dos seus atractivos turísticos. Está catalogado como de interés histórico artístico.