Axenda cultural do Concello de Ortigueira para o mes de setembro
O Concello de Ortigueira presenta unha nova programación cultural pensada para todos os públicos durante o mes de setembro, onde o Teatro da Beneficiencia acollerá varias actividades que inclúen charlas informativas, teatro e maxia.
CHARLA COMUNIDADE ENERXÉTICA – 4 DE SETEMBRO – 20:00 H
O Concello de Ortigueira, en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Seitura 22, no marco do proxecto “Redenerxía”, organiza unha charla informativa dirixida a toda a poboación do municipio. O evento, de acceso libre e gratuíto, ten como obxectivo achegar o concepto das comunidades enerxéticas e as súas vantaxes á cidadanía.
A charla celebrarase o vindeiro xoves, 4 de setembro, ás 20:00h no Teatro da Beneficencia.
Durante a xornada explicaranse as oportunidades que ofrecen as comunidades enerxéticas para a explotación dos recursos locais, os seus beneficios económicos e ambientais, e os pasos necesarios para a posta en marcha deste tipo de iniciativas.
TEATRO. ESAS COUSAS MARABILLOSAS, DE EMPATÍA TEATRO – 19 DE SETEMBRO – 20:30 H
“Esas cousas marabillosas” comeza cando o público vai entrando na sala e é recibido polo actor. Dálles a benvida, axúdaos a se acomodar, e dálles un papeliño que vai xogar no espectáculo. Cando empeza o espectáculo, o público xa leva un cacho dentro del sen sabelo e algúns cunha “cousa marabillosa” na man.
É unha peza participativa, tenra, emocionante e divertida. É unha comedia que fala sobre a saude mental, a depresión e o suicidio. É unha obra que pode cambiarche a vida…e para bén.
MAXIA. HOCUS POCUS, DE O MAGO PACO – 27 DE SETEMBRO – 19:00 H
O mago Paco ofrece un espectáculo de maxia infantil cheo de risas, cor e moitas sorpresas.
A maxia do mago Paco caracterízase pola posta en escea de elementos visuais e moi chamativos que provocan unha dinámica constante enriba do escenario. Deste xeito ningún espectáculo é igual, todo depende da resposta do público, sobre todo dos máis cativos, xa que é un espectáculo pensado por e para eles. Nel poderán xogar, rir, brincar, actuar…. formando parte activa do seu fantástico mundo cheo de emocionantes aventuras.
Unha proposta diferente cun espectáculo moi participativo, cheo de complicidade entre o mago e o seu público e de momentos ilusionantes, divertidos, loucos, emotivos e sobre todo inesquecibles.
Ortigueira volve apostar pola cultura cun mes de setembro cheo de propostas para vivir e compartir.