AS XEORUTAS POR ORTIGUEIRA COMEZARÁN ESTE VENRES CO NOVO PERCORRIDO DOS PENIDOS
Este venres, día 17, comezarán as xeorutas guiadas para descubrir a riqueza xeolóxica do municipio de Ortigueira. E a estrea será cun novo percorrido que se incorpora este ano ao programa, a ruta dos Penidos, que discorre por unha parte da serra da Capelada e na que se atopa o maior afloramento de ecloxitas de todo o planeta. As ecloxitas son unhas rocas orixinadas a máis de 100 quilómetros de profundidade, onde a presión é moi alta, e no percorrido visítanse ademais o denominado Pozo do Inferno e o Macizo dos Penidos, un miradoiro natural con vistas sobre a ría de Ortigueira. A ruta ten unha distancia de oito quilómetros, unha dificultade media e catro horas de duración. Ademais do día 17 de xullo poderá realizarse o 12 de agosto.
Os días 20 de xullo e 7 de agosto desenvolverase a xeoruta das lavas, que parte de Espasante e onde se pode ver un excepcional conxunto de materiais orixinados por erupcións volcánicas submariñas. Neste caso a duración é de tres horas, cunha distancia de catro quilómetros, e considérase de dificultade baixa.
Finalmente, o 28 de xullo e 21 de agosto é a quenda da xeoruta dos volcáns, cun itinerario de 6 quilómetros polo litoral de Loiba, dificultade media e unha duración de tres horas. As inscricións nas xeorutas teñen que realizarse a través do blog do xeólogo Francisco Canosa:
https://rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com/