Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AS FORTES CHUVIAS PROVOCAN UN AUMENTO DA TURBIDEZ QUE FAI “NON APTA” A AUGA DO DEPÓSITO DE FREIRES

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, anunciou que a empresa Viaqua, concesionaria do abastecemento de auga na localidade, acaba de notificar unha incidencia que fai “non apta” a auga procedente do depósito situado na parroquia de Freires.

Segundo a información facilitada ao Concello, incúmprense os parámetros de turbidez como consecuencia da crecida do río debida ás fortes chuvias, que provocaron un arrastre de terra. Aínda que a situación non é grave e se espera recuperar a normalidade rapidamente, é recomendable non consumir a auga. A incidencia afecta ás zonas máis altas que se abastecen desde o depósito de Freires, en concreto Loureiros de Baixo, Loureiros de Riba, Teixoeiras, Canavas e Burreiros. Os veciños e veciñas foron informados nas súas vivendas por parte do Concello.

Desde que se coñeceu o problema adoptáronse medidas correctoras, axustando a dosificación de hipoclorito sódico, que se emprega para a desinfección, e renovándose de continuo a auga almacenada.

As novas análises determinarán cando se pode considerar solucionada a incidencia.

Back to top