Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AS BASES PARA AS AXUDAS A AUTÓNOMOS, PEMES E MICROPEMES DE ORTIGUEIRA XA ESTÁN PUBLICADAS NA SEDE ELECTRÓNICA DO CONCELLO

O acordo plenario polo que se aprobaron inicialmente as bases reguladoras das subvencións para autónomos, pemes e micropemes do municipio de Ortigueira atópase a exposición pública na sede electrónica do Concello, iniciando así a tramitación das axudas para que sexa o máis rápida posible.

O obxectivo é axudar a paliar as consecuencias da crise sanitaria, e a este capítulo dedicaranse 200.000 euros do presuposto municipal que poderán ser ampliados se é necesario. As subvencións terán un importe de 1.000 euros para os negocios que se viron obrigados a pechar como consecuencia da declaración do estado de alarma, e de 600 euros para os que -aínda que non cerraron- rexistraron perdas do 75% ou máis en relación coa facturación anterior. Tanto os autónomos como pemes e micropemes que queiran participar nesta convocatoria deberán ter o seu domicilio fiscal no concello de Ortigueira, non contar con débedas pendentes coa administración municipal e ter xustificada calquera outra subvención que lles fose concedida con anterioridade. Os detalles das bases pódense consultar na sede electrónica municipal.

O expediente da aprobación plenaria terá que ser publicado no Boletín Oficial da Provincia e, unha vez superada esta tramitación, abrirase un prazo de presentación das solicitudes de axudas, que será anunciado oportunamente.

Back to top