Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ADXUDICADA A RENOVACIÓN DO PARQUE INFANTIL DO CEIP JOSÉ MARÍA LAGE

O CEIP José María Lage de Ortigueira verá renovados os xogos do seu patio grazas ao contrato que o Concello acaba de adxudicar para poder acometer estas obras. Segundo informou o alcalde, Juan Penabad Muras, o traballo será encomendado á empresa Instalacións Bahía Park S.L., que foi a que presentou a mellor oferta das catro que concurriron á licitación (unha máis foi excluída por presentar a documentación fóra de prazo).

As obras, que tiñan un orzamento de 13.520,43 euros (IVE incluido) serán executadas finalmente pola cantidade de 10.085,35, atendendo á oferta económica presentada pola empresa que resultou adxudicataria.

Os traballos -que afectarán á superficie que ocupa o parque infantil- consistirán na desmontaxe dalgúns dos xogos actuáis e a instalación de tres novos elementos. En concreto serán un balancín de tres asentos apto para nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade, un labirinto deseñado para idades comprendidas entre 1 e 4 anos e capacidade para oito usuarios á vez, e un tobogán para as mesmas idades, capacidade para nove nenos e nenas de xeito simultáneo e altura máxima de caída de 1,15 metros.

Todos estes elementos estarán situados sobre o actual pavimento de caucho do parque infantil.

A renovación do patio do colexio mellorará a oferta de lecer garantindo as condicións de seguridade nos recreos do centro escolar.

Back to top