A VI edición de ‘Serán Careco Solidario’ vestirá Ortigueira de solidariedade esta fin de semana
O grupo ortegano Os Carecos e a Asociación Cultural Libro Vivo de San Claudio organizan, en colaboración co Concello de Ortigueira, o ‘VI Serán Careco Solidario’.
Despois do parón pola pandemia, o evento celébrase por segundo ano consecutivo. Concretamente, terá lugar esta fin de semana, o venres 29 e o sábado 30 de setembro na Feria de San Claudio.
Esta sexta edición contará con sesión vermú, comidas e ceas a prezos solidarios, ademais dunha mostra de baile e de varias actuacións musicais. Haberá concertos de ata 19 grupos, incluíndo aos propios organizadores do evento, Os Carecos. Todo o recaudado será destinado á Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia.
A xornada do venres comezará cunha cea solidaria a partir das 21:00 horas, amenizada pola música de No Cómbaro, Diego De Braelle, As Ferriñas do Vicedo, Lidia India e Os Netos do Escribano.
O sábado será o gran día do Serán Careco Solidario, que iniciará a súa actividade ás 13:00 horas cunha sesión vermú na que actuará a Escola de Gaitas de Ortigueira, Nimbos e Os do 21. Unha hora despois, a partir das 14:00, o público poderá desfrutar dunha comida, na que haberá varios pratos a elixir.
Xa pola tarde, ás 19:00 horas, a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras realizará unha mostra de baile, á que lle seguirán os conciertos de Ledicia, Fol do Raxal, Cantareiras Mestura e Charanga Alxibeira.
Ás 20:30 horas comezaranse a servir ceas solidarias, que a partir das 22:00 estarán acompañadas de actuacións musicais. A primeira delas será a de Sheila Patricia e hora despois os anfitrións do evento, Os Carecos, subiranse ao escenario. A verbena finalizará cos grupos Son D’Aquí, Cantareiras Algarabía, Os Xílgaros de Lugo, Maghúa e Pataghullos, que porán o broche de ouro a un evento festivo cunha boa causa como trasfondo.