Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A ESCOLA DE MÚSICA DE ORTIGUEIRA REMATA O CURSO CUNHA CHEA DE ACTIVIDADES

Este sábado celébrase o festival de fin de curso; a semana que vén hai xornadas de portas abertas e o día 22 Xabier Garrote participa no ciclo “Unha hora con…”

Xabier Garrote, fundador da Escola de Gaitas de Ortigueira e artífice do nacemento do Festival Celta, será o vindeiro día 22 de xuño o protagonista do ciclo “Unha hora con…”, que organiza a Escola de Música da localidade (EMCO) en colaboración co Concello. Trátase dun encontro co alumnado da escola, familiares e veciños, que terá lugar na sala de concertos da Escola de Música a partir das 19.00 horas.

Por este ciclo, que ten como obxectivo achegar aos estudantes da EMCO a figuras senlleiras do mundo da música vinculadas á vila, pasaron xa este curso Julia Dopico e Borja Quiza.

Xabier Garrote foi, xunto a outras persoas que traballaron a prol da idea, o pai daquel festival que naceu hai 40 anos, no 1978, e que hoxe é un referente mundial.

A xornada con Garrote será o colofón dunha chea de actividades que coinciden co remate das clases na EMCO. O festival de fin de curso terá lugar este sábado, día 16, no Teatro de Beneficencia.desde as 19.00 ás 21.00 horas, despois dunha serie de actuacións que desenvolveron nas últimas semanas os rapaces e rapazas das diferentes especialidades nos centros sociais do concello.

Ao día seguinte, o domingo 17 haberá un concerto da Banda Infantil da Filarmónica de Lugo na praza de Isabel II a partir das 13.00 horas.

O luns 18 comeza unha semana de portas abertas na Escola de Música para coñecer o ensino de instrumentos que se imparte no centro. O primeiro día estará centrado na gaita (16.00 horas) e a guitarra (17.30); o martes 19 dedicarase a música e movemento (16.00) e piano (17.30); o mércores 20 será a quenda do vento-madeira (16.00) e percusión (17.39), e por último o xoves 21 rematará esta actividade con vento-metal (16.00) e agrupacións (17.30). As xornadas de portas abertas están pensadas para as persoas interesadas en coñecer máis sobre a Escola de Música e para o alumnado de 6 anos de Formación Básica xa matriculado, que terá que elixir instrumento para o vindeiro curso. Precisamente ata o 29 de xuño está aberto o prazo para a prematriculación no centro.

Back to top