A Deputación da Coruña comprométese a financiar a renovación do muro de San Roque
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, reuniuse este pasado luns, 24 de marzo, co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para abordar diversas iniciativas de mellora no municipio. Como resultado deste encontro, a Deputación confirmou o seu compromiso de financiar o proxecto de renovación do muro de contención de San Roque.
Esta actuación responde á necesidade de substituír o actual muro de contención, que presenta deterioración estrutural, e de mellorar a accesibilidade e a contorna do parque. O proxecto contempla a construción dun novo muro de formigón armado revestido en pedra, a instalación de escaleiras e ramplas accesibles, a renovación do pavimento e a mellora da iluminación e a rede de saneamento.
O alcalde de Ortigueira valorou positivamente o apoio da Deputación, destacando que este investimento permitirá garantir a seguridade da infraestrutura e potenciar un espazo público clave para os veciños. “É unha obra fundamental para mellorar a imaxe e a funcionalidade dun lugar que, en certa medida, forma parte da nosa fachada marítima”, sinalou Calvín tras a reunión.
Pola súa banda, González Formoso reafirmou o compromiso da Deputación co desenvolvemento dos concellos coruñeses, asegurando que este tipo de investimentos contribúen a mellorar a calidade de vida nos municipios.
O Concello de Ortigueira iniciará proximamente os trámites administrativos para a execución da obra, co obxectivo de que os traballos poidan comezar nos próximos meses.
Ademais, o rexedor ortegano aproveitou a ocasión da visita ao presidente provincial para convidalo á edición do 2025 do Festival Internacional do Mundo Celta, ano especial xa que se conmemora o 50 aniversario da banda de gaitas de Ortigueira. Calvín tamén obsequiou a González Formoso cunha pequena figura do escudo do Concello.