A aula CeMIT de Ortigueira súmase a percorrer o Camiño de Santiago de forma virtual
A aula CeMIT de Ortigueira súmase a percorrer o Camiño de Santiago de forma virtual. Con motivo do Día da Internet, que este ano se celebra baixo o lema “Tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable”, a aula ortigueiresa súmase á proposta lúdico-formativa ‘Camiña en dixital’ da Asociación Somos Digital.
A iniciativa, destinada aos centros de competencias dixitais de toda España, consiste en realizar 764 quilómetros do Camiño Francés. Para conseguilo, as persoas participantes deben medir os seus paseos diarios a través dos seus dispositivos dixitais e despois compartir os datos coa Aula CeMIT de Ortigueira. Poden facelo a través dunha captura de pantalla dos quilómetros realizados.
Unha vez recompilada, esta información trasladarase á plataforma Camiña en Digital para avanzar de forma colaborativa e conxunta na andaina a Santiago de Compostela. A data límite para completar o Camiño será o 18 de maio.
Unha actividade que desde o Concello tildan de satisfactoria en todos os sentidos, debido a que promove a actividade física entre os usuarios e usuarias da aula ao mesmo tempo que ensina a manexar as novas tecnoloxías: GPS, apps que miden distancias, capturas de pantalla, uso de mensaxería móbil ou edición de fotografía, entre outras.
As persoas que queiran saber máis sobre o reto poden atopar toda a información no link https://caminaendigital.com/.