Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A ASOCIM, á que pertence a directora do CIM de Ortigueira, recibe o recoñecemento das Meninas 2022

• Ana Dopico dirixe o Centro de Información á Muller desde o ano 2000
• Presta servizo aos concellos de Ortigueira, Cariño, Cedeira, Cerdido e Mañón

A Delegación do Goberno en Galicia outorga cada ano o premio ‘Meninas’ co obxectivo de recoñecer a persoas, entidades e organizacións que dedican os seus esforzos á loita contra a violencia machista e á protección das súas vítimas na nosa Comunidade.

Na edición deste ano decidiron outorgar esta distinción aos Equipos Viogen da Garda Civil, o IES Alexandre Bóveda de Vigo, o CD Burela FS feminino, Marcha Mundial Mulleres Galicia e a Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller de Galicia.

ASOCIM desenvolve un papel fundamental á hora de reivindicar os seus centros e o seu persoal, mostrando á sociedade o seu papel en cuestións de igualdade e en contra da violencia de xénero.

A directora do CIM do Concello de Ortigueira, Ana Dopico, forma parte da directiva de ASOCIM e é un membro activo da asociación.

Durante a gala de entrega destes galardóns, que tivo lugar o pasado luns en Santiago de Compostela, a presidenta de ASOCIM, Montserrat González, en representación da agrupación, incidiu en que “as profesionais dos CIM traballan de forma discreta no día a día para mellorar a situación das vítimas e de todas aquelas mulleres vulnerables”

Para finalizar dedicou o premio “a todas as compañeiras que creron necesaria a fundación dunha asociación profesional para defender os nosos dereitos, que redundan no beneficio das mulleres e de todas as vítimas porque para elas traballamos”.

CIM de Ortigueira
Ana Dopico dirixe o Centro de Información á Muller desde o ano 2000, aínda que este non recibiu a acreditación como tal ata o ano 2005. No ano 2008 incorporouse ao equipo a psicóloga Rocío Blanco.

Desde o CIM de Ortigueira préstase servizo aos concellos de Ortigueira, Cariño, Cedeira, Cerdido e Mañón.

Realizan actividades de información, de asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación e mellora de empregabilidade das mulleres usuarias dos concellos antes mencionados, co compromiso de que os servizos públicos contribúan a mellorar a súa condicións de vida e promovendo actuacións tendentes a garantir a igualdade en toda a veciñanza.

 

Back to top