Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA PRESENTA UNHA CAMPAÑA PARA IMPLICAR Á VECIÑANZA NA DENUNCIA DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, esta mañá presentouse en Ortigueira a campaña municipal contra o maltrato centrada na contorna veciñal, unha iniciativa promovida pola Concellería de Igualdade que dirixe Belén Bello, responsable tamén da de Atención á Veciñanza.

O obxectivo é concienciar da responsabilidade que ten toda a sociedade na prevención das violencias machistas, empezando polo máis próximo, como son os veciños e veciñas. O lema da campaña é “O maltrato na parella non é só cousa da parella, non permitas a violencia de xénero ao teu redor”.

O Concello reparte carteis, folletos informativos relacionados cos recursos aos que acudir nestes casos e calendarios coa mensaxe “Non permitamos a violencia de xénero ao noso redor”. A idea é denunciar a complicidade de quen silencia estas violencias, porque quen mira para outro lado tamén é culpable. Neste sentido pídese que se dea aviso ao 016 ou se solicite información no CIM (teléfono 981 402 542) a quen vexa actitudes ou accións violentas; presencie vexacións ou insultos de algún veciño cara á súa parella; observe que algunha veciña presenta negróns na cara ou corpo sen xustificación ou de manera reiterada; ou escoite grupos, golpes ou ruídos anómalos de xeito repetido. En casos de emerxencia a recomendación é chamar á Policía, a Garda Civil ou Emerxencias.

O Concello de Ortigueira leva anos traballando na prevención e atención das mulleres que sufren a violencia de xénero, e nesta ocasión na que a coeducación é un dos eixes das actividades conmemorativas do 25-N organízanse tamén actividades nos centros educativos. Así, no IES de Ortigueira inaugurouse a exposición da Secretaría Xeral de Igualdade “Dille non” e no CEIP José María Lage preséntase esta tarde un calendario ilustrado dirixido a rachar cos estereotipos de xénero. Esta última actividade inclúese no proxecto “Aulas de Igualdade”, no que o Concello e o colexio levan traballando desde principios de curso e que inclúe contacontos, obradoiros coeducativos, formación para o profesorado e charlas para as familias, entre outras iniciativas.

Ademais, ás 12.00 horas tivo lugar unha concentración diante do Concello contra a violencia de xénero.

 

 

Back to top