Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA CONVOCA CLASES DE BAILE GALEGO, TENIS E NATACIÓN

Os departamentos de Deportes e do Festival do Concello de Ortigueira, en colaboración coa asociación Troula de Ortegal, convocan para os vindeiros meses un curso de iniciación ao baile galego que se desenvolverá no polideportivo do colexio os sábados a partir das 17.00 horas. As persoas interesadas terán que acudir este sábado, día 9, tamén ás cinco da tarde, para formar os grupos.

Desde o Concello destacan que unha hora de baile tradicional galego equivale ao mesmo tempo doutro exercicio físico como correr, andar en bicileta ou nadar, co que se traballa a motricidade e a psicomotricidade así como a coordinación entre os sentidos. Cunha dieta equilibrada, practicar baile galego unha hora diaria aporta a dose necesaria de exercicio para levar unha vida saudable. Ademais, esta actividade apórtanos coñecementos sobre a nosa orixe e cultura, ao tempo que fomenta o aprecio polo noso. Outra das súas vantaxes é que favorece as relacións interxeracionais.

Por outra banda, en colaboración co Club de Tenis de Loiba, o Concello fai unha convocatoria para novos xogadores de todas as idades, con clases que se impartirán os mércores de 17.00 a 20.00 horas no polideportivo municipal. O obxectivo é promocionar o deporte do tenis. As inscricións pódense realizar na piscina.

Finalmente, na mesma piscina ou a través do teléfono 981 422 026 facilítase toda a información para as actividades de natación, para todas as idades.

Back to top