ORTIGUEIRA, SELECCIONADA PARA O CERTAME VILAS EN FLOR, QUE RECOÑECE O TRABALLO DOS CONCELLOS NOS ESPAZOS VERDES URBANOS
O Concello de Ortigueira vén de ser seleccionado pola Fundación Juana de Vega para os premios do certame Vilas en Flor, que se convoca por vez primeira seguindo unha idea que xa se ten desenvolvido en lugares como Francia, Italia, Reino Unido, Irlanda, Canadá ou -máis preto- en Cataluña, a través da iniciativa Viles Florides. Trátase de recoñecer a traxectoria e accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible ou mesmo a educación ambiental e concienciación cidadá con respecto ao coidado do contorno. O goberno de Ortigueira entende que os espazos verdes do municipio son merecedores destas distincións.
Ortigueira foi seleccionado xunto con Betanzos, Allariz, Caldas de Reis e Chantada e o pasado luns o xurado dos premios visitou a vila para comprobar in situ o traballo que se leva a cabo no concello. Serán estes responsables os encargados de conceder o nivel de “flores de honra” que consideren axeitado, entre unha e cinco. Para tomar a decisión terán en conta varios criterios, desde o patrimonio vexetal e paisaxístico ata o medio ambiente e a sostibilidade ou as actividades sociais, de explotación turística e de comunicación. Os premios entregaranse na gala anual Vila en Flor Galicia.
Xunto á Fundación Juana de Vega colaboran no certame a Asociación de Viveiristas del Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresarios de Xardinería (Agaexar).