Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

TALLERES PARA MELLORAR A SAÚDE E CALIDADE DE VIDA DAS MULLERES COIDADORAS EN ORTIGUEIRA

A partir do vindeiro mércores, 26 de setembro, e ata o 28 de novembro, desenvolveranse no concello de Ortigueira varios talleres dentro do programa “Ciudadanas”, que organiza a Fundación Mujeres. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo mellorar a saúde e calidade de vida das mulleres coidadoras non profesionais no ámbito familiar a través dun servizo de apoio integral que inclúe asesoramento individual, espazos de participación e, como no caso de Ortigueira, obradoiros de diferentes temáticas.

O primeiro taller terá lugar o 26 de setembro co título “Quen coida de min?”, e abordará as pautas de autocoidado para manter a saúde. Esta mesma iniciativa repetirase os días 3 e 10 de outubro.

O 17 e 24 do vindeiro mes será a quenda do taller de xestión do tempo, orientado a establecer momentos de ocio para as coidadoras. O seu título é “O teu tempo, o teu lecer”.

O 31 de outubro e o 7 e 14 de novembro impartirase o obradoiro “Como por límites e non morrer no intento”. Neste caso aprenderanse habilidades relacionadas coa comunicación.

O 21 de novembro, o taller “As cousas do querer” centrarase nas relacións afectivas e, por último, o día 28 de novembro desenvolverase a actividade “1, 2, 3 respira outra vez”, no que as participantes aprenderán técnicas de relaxación e conciencia corporal.

As mulleres interesadas en acudir a estes obradoiros, nos que ademais do Concello colabora a Deputación da Coruña, teñen que se poñer en contacto co departamento de Servizos Sociais de Ortigueira, no número de teléfono 604 006 131 ou a través do correo electrónico rcarballeira@concellodeortigueira.com, onde terán máis información e poderán inscribirse.

Back to top