Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OS CARECOS ENTREGARON Á ASOCIACIÓN DE AXUDA A NENOS ONCOLÓXICOS DE GALICIA OS MÁIS DE 7.000 EUROS RECADADOS NO III SERÁN CARECO SOLIDARIO

O grupo Os Carecos entregou onte á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia a recadación do III Serán Careco Solidario, que ascendeu a 7.016,23 euros, arredor de mil máis que na edición do ano pasado. O evento celebrouse o día 1 de setembro e reuniu no Campo da Rocha de San Claudio, en Ortigueira, ás agrupacións musicais Maghúa, No Cómbaro, Andarivel, Os do 21, Os Chaos, Aldomir, Quenindiole, Son D’aquí, As Cantaranzeiras, Os Sobraos, Hai que roelo, Os feroces da Galgueira, Cinco en zocas, Tocadoras da toca, Xaora tradicional e Xígaros de Lugo, ademais dos anfitrións.

Xunto ás actuacións musicais houbo feira de artesanía, un obradoiro de baile e un xantar, para rematar -despois do festival- cunha foliada aberta, todo con fins solidarios.

Os compoñentes de Os Carecos amosaron a súa satisfacción pola xenerosa resposta da xente a unha actividade que naceu para emular os festivais que organizan outras agrupacións musicais, aínda que dándolle unha vertente solidaria. Nos vindeiros días, os músicos reuniranse cos responsables da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia -coa que colaboran por segundo ano consecutivopara coñecer os proxectos nos que se investiu a recadación do ano pasado.

Os Carecos é un quinteto de música tradicional galega que inclúe entre os seus instrumentos a pandeireta, o bombo, o pandeiro e a pandeira e algúns menos habituais como o latón de pimentón ou a gadaña.

Back to top