ORTIGUEIRA TERÁ UN MERCADO DE VERÁN TODOS OS DOMINGOS DO 22 DE XULLO AO 16 DE SETEMBRO
Está aberto o prazo de inscrición para os vendedores, que non terán que pagar taxa, e establécese un máximo de 15 postos nos que primarán o produto ecolóxico, local e de tempada, a artesanía e os de reciclaxe
O Concello organizará, a proposta da asociación Rural Vivo do Ortegal, un mercado de verán que se celebrará todos os domingos a partir do 22 de xullo e ata o 16 de setembro, no Paseo da Alameda de 10.00 a 14.00 horas.
A iniciativa inscríbese no programa Ortegal Sostible e ten como obxectivo de promocionar o xénero local e apostar polos pequenos produtores de artesanía, arte e alimentación, dando prioridade á venda de alimentos ecolóxicos quilómetro 0, de tempada, artesáns ou de reciclaxe.
O Concello non cobrará taxa algunha pola instalación de postos neste mercado, aínda que haberá que realizar a inscrición segundo as bases que están colgadas na sede electrónica do Concello. O prazo remata o vindeiro 11 de xullo. A cifra que se baraxa é contar cunha decena de postos, aínda que podería aumentar a 15 se a demanda é moita. Á hora da adxudicación valorarase a proximidade da produción a Ortigueira, ter o carné de produto ecolóxico ou de artesanía, a diversidade de mercancía á venda e ser menor de 30 anos.
Os vendedores deberán encargarse de colocar e desinstalar os seus postos, nos que está prohibido o uso do plástico, comprometerse a manter libre de vehículos de carga e descarga o paseo durante a celebración do mercado e deixar o espazo limpo e recollido á finalización do mesmo. Establécese un réxime sancionador para posibles incumprimentos.