O CONCELLO DE ORTIGUEIRA ABRE UNHA NOVA BOLSA DE PEÓNS PARA TRABALLOS DE LIMPEZA E MANTEMENTO
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases para se inscribir na bolsa de emprego de peóns ordinarios que crea o Concello de Ortigueira a fin de poder dispoñer de traballadores para se ocupar de pequenas tarefas de mantemento ou limpeza a medida que se vaian necesitando.
A bolsa substitúe a aberta no 2016 para garantir que as persoas interesadas en acceder a estas contratacións laborais poidan facelo.
O prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais contados desde mañá (ao día seguinte da publicación no BOP).
A bolsa ten como obxecto evitar que eventuais vacantes do persoal laboral que se ocupa destas tarefas de conservación e limpeza poidan afectar aos servizos, contando así cun procedemento áxil para respostar nestas circunstancias tendo á súa disposición o persoal necesario e con capacitación garantida.
Os aspirantes deberán ter nacionalidade española e 16 anos de idade cumpridos, ademais de non ter sido separados ou despedidos da administración pública por causa dun expediente disciplinario. Deberán aportar o DNI, un informe de vida laboral actualizado e o título de Celga 2 ou superior (se non contan con el terán que acreditar o coñecemento da lingua galega). Tamén xustificarán a súa experiencia tanto no sector público como no privado coa documentación correspondente.
O proceso de selección será o de concurso-oposición. As probas prácticas consistirán na realización de tarefas tales como pavimentar con asfalto, regular o tráfico de vehículos, realizar traballos de albanelería, limpar tubaxes de desaugue, manexar diversa maquinaria municipal ou facer limpezas en instalacións ou na vía pública.