ÁBRESE O PRAZO DE 15 DÍAS NATURAIS PARA POXAR POLOS POSTOS DE RESTAURACIÓN DO FESTIVAL CELTA
Tamén se inicia o proceso para contratar a sete persoas para tarefas de limpeza e mantemento con cargo a unha subvención da Deputación.
Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia abriuse hoxe o prazo de 15 días naturais para presentar propostas de poxa polos 17 postos provisionais de alimentación e bebida que funcionarán do 12 ao 17 de xullo, en Ortigueira coincidindo coa celebración do Festival do Mundo Celta.
No casco urbano instalaranse 13 postos, oito no peirao e os xardíns e cinco na alameda. Neles poñeranse á venda bebidas, snacks e alimentos similares non elaborados nin en quente.
A zona de Morouzos é a reservada para alimentación, con instalacións tipo food-truck preferentemente, e intentarase favorecer a variedade. Reservaranse dous para a estrada da praia, un para a rotonda de acceso e outro para o aparcamento do campo de fútbol.
A convocatoria fixa custos máximos para algunhas bebidas e uns prezos de poxa que van dos 300 euros para o posto máis barato -o da rotonda de San Martiño- ata o 3.500 dos máis caros, que son as barras da alameda.
Programa de Integración Laboral
Por outra banda, o BOP publica tamén as bases para a contratación temporal, durante case catro meses (tres meses e 20 días), de persoal para a execucion de obras e servizos mínimos municipais con cargo ao Programa de Integración Laboral da Deputación. Serán sete peóns os que se ocuparán de tarefas de limpeza, roza, sega e pequenas obras de reparación e mentemento no mobiliario e na sinalización, todas elas con xornada completa. O prazo para a presentación de solicitudes é de cinco días hábiles contados a partir de mañá e, unha vez finalizado, convocarase un concurso-oposición para seleccionar aos traballadores/as.
A Deputación concede unha subvención de 40.000 euros ao Concello de Ortigueira para estas contratacións.