O CONCELLO CELEBRA O DÍA DOS OCÉANOS CON ACTIVIDADES PARA NENOS
Ata o día 15 está aberto o prazo para se inscribir nos campamentos de verán que organiza a Deputación en xullo
A biblioteca municipal de Ortigueira celebrará mañá mércores o Día Mundial dos Océanos con actividades para nenos e nenas de entre 3 e 5 anos a partir das 17.30 horas, e de seis anos en adiante desde as 18.30. A iniciativa forma parte da programación cultural do mes de xuño, que inclúe para este venres a presentación de dous libros: “San Andrés de Teixido: historia, leyendas y tradiciones”, do prestixioso arqueólogo ortegano do século pasado Federico Maciñeira Pardo de Lama, e “Viaje a A Capelada y su santuario de San Andrés de Teixido”, de Antonio Rodríguez Rodríguez. O acto, que se celebrará no salón de plenos a partir das 20.30 horas, está organizado pola asociación Terras do Ortegal, coa colaboración do Concello e da editorial Garañón-Fundación Santo André de Teixido. A presentación correrá a cargo de Javier Martínez Prieto, párroco de Santa Marta.
A semana cultural pecharase cun novo concerto do ciclo Música para a Vida, que organiza a Escola de Música e que consiste en levar as audicións do alumnado ás diferentes parroquias. Neste caso serán os estudantes de vento e madeira os que actuarán no centro social do Ermo a partir das 18.30 horas o sábado día 9 .
Ata o 15 de xuño está aberto o prazo para optar a unha das tres prazas que a Deputación Provincial concedeu ao Concello de Ortigueira para que nenos/as empadroados no municipio participen nos campamentos de verán que organiza a devandita institución. As solicitudes teñen que se presentar na piscina municipal acompañadas dunha fotografía tipo carné, fotocopia da cartilla, do libro de familia ou DNI. Tamén haberá que facer constar se necesita algún tratamento médico ou ten algunha alerxia. A cota de inscrición é de 85 euros, que se pagarán unha vez confirmada a reserva da praza.
A que corresponde a Ortigueira é a primeira quenda dos campamentos, do 1 ao 6 de xullo. Os participantes -con idades entre 9 e 14 anos cumpridos no 2018- aloxaranse nas instalacións do centro Calvo Sotelo da Coruña e poderán desfrutar dun amplo programa de iniciativas deportivas e culturais, así como doutras actividades de xogos para as veladas nocturnas.