Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira lanza un concurso de escaparatismo navideño para dinamizar o comercio local

O Concello de Ortigueira publicou as bases do Concurso de Escaparatismo de Nadal 2024-2025, unha iniciativa que busca impulsar as compras nos establecementos locais durante a tempada do Nadal, a través da creatividade e a participación do tecido comercial e hostaleiro do municipio.

O certame está aberto a todos os establecementos comerciais e hostaleiros do municipio que conten con escaparates visibles desde a vía pública e manteñan a súa actividade durante o período do concurso. A inscrición é gratuíta e deberá formalizarse antes do 13 de decembro de 2024, ás 14:30 horas, xa sexa presencialmente nos rexistros municipais ou mediante a sede electrónica do Concello.

Os escaparates participantes deberán estar decorados desde o 16 de decembro de 2024 ata o 6 de xaneiro de 2025. Para fomentar a difusión do evento, pedirase aos establecementos que envíen unha fotografía do seu escaparate, que será publicada nas redes sociais do Concello o 20 de decembro xunto coa lista de participantes.

O xurado estará composto por representantes do Concello, expertos en turismo e patrimonio, así como un membro do sector comercial local. Avaliarán aspectos como orixinalidade, creatividade e capacidade para reflectir o espírito do Nadal. O fallo será anunciado o 13 de xaneiro de 2025 e publicarase no taboleiro de anuncios da Casa do concello, a sede electrónica e as redes sociais do Concello.

Outorgaranse dous premios en metálico: un primeiro premio de 250 euros e un segundo premio de 150 euros. Ademais, o xurado se reserva a posibilidade de conceder mencións especiais para recoñecer a orixinalidade ou o esforzo doutros escaparates participantes.

Back to top