Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Aberto o prazo para que comercios e asociacións se inscriban no I Mercado de Nadal de Ortigueira.

O Concello de Ortigueira anima aos comerciantes locais e asociacións culturais a formar parte do Mercado de Nadal, unha nova iniciativa que busca dinamizar o comercio da vila e poñer en valor os produtos autóctonos, así como servir de punto de encontro para toda a veciñanza.

O mercado celebrarase, sempre que haxa un número mínimo de comercios inscritos, os días 8 e 15 de decembro no histórico edificio da praza de abastos da Alameda, en horario de 11:00 a 15:00 horas, ofrecendo unha plataforma única para a venda de produtos de tempada, alimentación, bebidas, artesanía, libros e artigos culturais.

Este evento, deseñado para apoiar o tecido comercial e cultural da vila, ofrecerá visibilidade e acceso directo ao público local e visitantes nunha época clave do ano. Non haberá taxas de participación, e o Concello encargarase de xestionar e promover o mercado, asegurando un espazo atractivo para todos os participantes. Con esta iniciativa, Ortigueira aposta pola reactivación económica e a promoción dos produtos e servizos locais, invitando a comerciantes e asociacións a inscribirse e aproveitar esta oportunidade de contacto directo cos clientes.

Podes consultar aquí as bases para participar.

Back to top