O Concello abre o prazo de solicitudes para o programa de ‘Agasallos de Nadal 2024’
O Concello de Ortigueira anuncia a apertura do prazo de solicitudes para o programa de ‘Agasallos de Nadal 2024’, unha iniciativa orientada a proporcionar agasallos de Nadal a familias con menores con baixos recursos. Este programa está dirixido a aquelas familias de Ortigueira con fillos menores de 15 anos, ou con menores de ata 19 anos en caso de discapacidade, e cunha renda ponderada que non supere certos limiares establecidos en función da composición familiar.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 29 de novembro de 2024. As familias interesadas deben dirixirse aos Servizos Sociais Municipais para obter toda a información necesaria e poden entregar as súas solicitudes na Oficina do Rexistro Xeral do Concello.
Isabel Rego, concelleira de Turismo e Patrimonio, destaca a importancia deste programa nestas datas: “Queremos asegurarnos de que todas as familias de Ortigueira poidan gozar dunhas festas do Nadal especiais, e este programa de agasallos é unha mostra do noso compromiso con quen máis o necesitan. As familias con fillos son unha prioridade para nós, e queremos que ningún neno quede sen un detalle nestas datas tan significativas.”
O programa de Agasallos de Nadal 2024 do Concello de Ortigueira establece límites de ingresos diferenciados segundo o tipo de familia. Para unha familia monoparental cun ou dous fillos ou unha parella cun fillo, o límite de renda máxima mensual ponderada é de 1.701,00 euros, e o límite de renda anual é de 23.814,00 euros.
Para unha familia monoparental con tres fillos ou unha parella con dous fillos, os ingresos mensuais ponderados non deben superar os 1.790,53 euros, cun tope anual de 25.067,37 euros. No caso dunha parella con tres fillos, o límite de ingresos mensuais ponderados é de 1.890,00 euros, mentres que o anual ascende a 26.460,00 euros.
Para unha parella con catro fillos, os ingresos mensuais poden chegar a 2.001,18 euros, cun máximo anual de 28.016,47 euros. Se a familia é unha parella con cinco fillos, o límite mensual ponderado de ingresos é de 2.126,25 euros, e o anual é de 29.767,50 euros.
Finalmente, para as familias de parella con máis de cinco fillos, o programa establece un límite de renda mensual de 2.268,00 euros e un máximo anual de 31.752,00 euros. Estes criterios permiten adaptar o apoio do programa ás diversas estruturas familiares do municipio.
“Con esta iniciativa, apoiamos ás nosas familias e ao mesmo tempo fortalecemos o tecido social do municipio, promovendo un Nadal máis inclusivo. Esta é unha época de alegría e queremos que todos os veciños poidan compartir ese espírito”, engade Rego.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar cos Servizos Sociais Municipais a través do teléfono 981 400 000.