Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

AS II XORNADAS DE SILVICULTORES ANALIZARÁN EN ORTIGUEIRA O PROBLEMA DAS PRAGAS

Arredor de 70 persoas participarán nesta actividade formativa, que clausurará a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

A Asociación de Silvicultores Costa Noroeste organiza este venres no Teatro de Beneficencia unhas xornadas de mañá e tarde sobre “Pragas e enfermidades forestais. Consecuencias medioambientais e económicas” que contarán coa presenza de destacados expertos na materia. O director xeral de Ordenación e Produción Forestal da Consellería de Medio Rural, Tomás Fernández Couto, será o encargado de inaugurar as conferencias, que clausurará a conselleira Ángeles Vázquez Mejuto. Nas xornadas, ás que tamén asistirá en representación do Concello o concelleiro Juan Cao, participarán arredor de 70 persoas.

A presidenta de Asociación de Silvicultores Costa Noroeste, Sara Vale, destacou a importancia da formación para profesionalizar a xestión forestal, motivo polo que a entidade desenvolve ao longo do ano varias accións deste tipo. Nos pouco máis de dous anos que leva funcionando conseguiu xuntar uns 80 socios, que xestionan arredor de 2.600 hectáreas de monte, sobre todo dos concellos de Mañón e Ortigueira.

Sara Vale explica que a praga do gurgullo no eucalipto supón como mínimo unha perda do 20% da producción. A súa aposta é utilizar a loita biolóxica, a través dunha avespa moi pequeniña (anaphes nitens) que destrúe os ovos do insecto invasor. No pino é a procesionaria a praga máis preocupante e no castiñeiro estase comprobando que os exemplares plantados hai tres anos están morrendo pola tinta, que se atopa incluso nos híbridos considerados máis resistentes ás pragas. A avespiña do castiñeiro é outro dos insectos que afectan a estas árbores, algo que preocupa a asociación precisamente polo seu interese en fomentar a plantación desta especie autóctona.

Descarga programa II xornada silvicultores

Back to top