O Concello inclúe o remo no catálogo deportivo dos campamentos de verán
A práctica deportiva é fundamental para o desenvolvemento dunha vida saudable, por iso é importante inculcar nos e nas máis novas da casa os valores que o deporte transmite. O Concello de Ortigueira pretende conseguir este obxectivo a través dos seus campamentos de verán, nos que este ano se incluirá, por primeira vez, unha sección de remo.
Esta iniciativa, impulsada polo ente local en colaboración co Club de remo Celeiro e Remo Revolución, busca promover a práctica de deportes náuticos entre a poboación en idade escolar. A intención do goberno municipal é poder estender proximamente a actividade a todo o ano, así como ao resto de grupos de poboación.
Os campamentos de verán estenderanse durante nove semanas e o número máximo de prazas por cada unha é de 30 participantes. Entre o catálogo de actividades, atópanse excursións, xogos ao aire libre e acuáticos, outros deportes, talleres e demais para que os nenos e nenas poidan aprender á vez que se divirten.
As quendas distribúense da seguinte maneira: o xa activo do 24 ao 28 de xuño; do 1 ao 5; do 15 ao 19; e do 22 ao 26 de xullo; do 29 de xullo ao 1 de agosto; do 5 ao 9; do 12 ao 16; e do 26 ao 30 de agosto.