Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA ACOLLEU O CAMPIONATO DE PESCA SUBMARIÑA DA ZONA NORTE, CLASIFICATORIO PARA O GALEGO ABSOLUTO

O municipio de Ortigueira acolleu este domingo un campionato de pesca submariña organizado polo Club Nauga da Coruña na zona de Loiba. A competición era clasificatoria para o galego absoluto, que se disputará a última fin de semana de maio na cidade herculina e ao que accederán 14 deportistas da zona norte, a comprendida entre Fisterra e O Vicedo, e outros tantos da zona sur.

O primeiro posto foi para Andrés Pita, do club San Amaro da Coruña, e o segundo para Manuel Santamaría, da mesma entidade, mentres que na terceira posición quedou Miguel Bruquetas, do Club de Remo San Felipe. Clasificáronse os 14 primeiros dos trinta participantes.

O trofeo para a peza máis grande foi tamén para Andrés Pita, que pescou un abadexo de máis de 5 quilos. O total das capturas superou os 400 quilos, que foron doados á Cociña Económica da Coruña.

Todos estes campionatos realízanse, como comenta a organización, con fins benéficos.

A competición desenvolveuse nunhas condicións de mar boas, aínda que a visibilidade non era a máis axeitada, porque a auga estaba un pouco turbia.

Back to top