O Concello de Ortigueira reúnese coa Deputación da Coruña para tratar a I Feira Agroalimentaria e o Plan Director Turismo
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a concelleira de Patrimonio e Turismo, Isabel Rego, acudiron esta mañá á delegación da Deputación da Coruña para reunirse co vicepresidente da institución, Xosé Regueira.
No encontro trataron dous temas principalmente: a I Feira Agroalimentaria e o Plan Director Turismo. O obxectivo do Concello de Ortigueira foi conseguir financiamento por parte do goberno provincial para levar a cabo estes proxectos, os cales tiveron boa acollida na delegación.
En canto á I Feira Agroalimentaria, esta integrará tamén a 33ª Feira da Mel. Celebrarase a segunda fin de semana de novembro, o sábado 11 e domingo 12, na alameda, onde haberá diferentes postos de alimentación con produtos locais e de proximidade. Ademais, agárdase que o evento teña continuidade no tempo e se volva realizar os próximos anos.
Por outra banda, trataron tamén o Plan Director Turismo. Calvín e Rego presentaron este plan de turismo sostible con vistas aos próximos catro anos a Regueira. Con esta iniciativa preténdese a dixitalización do patrimonio ortegano a través dunha APP para fomentar o turismo do municipio.
O Concello deixou da man da Deputación os dossiers pertinentes, á espera de que o financiamento de ambos os proxectos se inclúa nos orzamentos da próxima anualidade do ente provincial.