A diversidade musical volve a encher de música o Claustro do Concello de Ortigueira
O Concello de Ortigueira presenta a terceira edición do ciclo de concertos ‘Seráns no Claustro’, que se levará a cabo mañá, sábado 12, e o resto dos sábados do mes de agosto e o primeiro de setembro. Na programación deste ano, que volve ter o Claustro da Casa Consistorial como idílico escenario, vólvese apostar por un programa diverso e de balde.
O grupo Bouba será quen de o pistoletazo de saída ao ciclo, mañá sábado 12 ás 20.30 horas. O conxunto de cantadoras e pandereteiras ofrece un espectáculo no que a música, a posta en escena e os elementos audiovisuais se unen para reivindicar a cultura popular e tradicional.
O sábado 19, á mesma hora, a clarinetista Marta Sancho e o pianista Alejandro Vargas levarán ao público por un percorrido poético-musical, basado nos poemas de escritores e escritoras galegos. O repertorio inclúe obras e poemas de Andrés Gaos, Rosalía de Castro, José Baldomir, Salvador Golpe ou Curros Enríquez.
Quinteto In Monumentum será o terceiro grupo de artistas que actuará no ciclo, o sábado 26. Neste espectáculo de música clásica, que comezará tamén ás 20:30 horas, interpretaranse as grandes melodías de Mozart e Schubert.
Unha actuación de bossa nova – jazz será a que poña o punto e final a ‘Seráns no claustro’ o día 2 de setembro. A agrupación Vatapá Quinteto empezará a encher de música o claustro ás 20:30 horas.
Estas son as catro citas que integran a terceira edición do ciclo ‘Seráns no claustro’, que será de acceso libre para o público ata completar o aforo do Claustro do Concello. En caso de que as condicións meteorolóxicas non o permitan, os concertos trasladaranse ao Teatro da Beneficiencia.